A lagoa de Sobrado foi construída polos monxes do mosteiro entre os anos 1500 e 1530, represando as augas de varios regatos que forman as fontes do río Tambre. O obxectivo do encoro, aparte de levar auga corrente ás cociñas do mosteiro, era regalos seus prados e movelos seus muíños, incluso en tempos de seca. Un último motivo, non menos importante, era dispor de pesca, especialmente na Coresma. Neste tempo tiñan que absterse de comer carne, e as troitas que criaban na lagoa eran un excelente substituto.
Transcorridos cinco séculos, a lagoa amósase hoxe perfectamente naturalizada. Está bordeada de prados e dun bosque caducifolio de bidueiros, ameneiros, freixos, carballos e sabugueiros. Na auga abonda o ambroíño de río e a espiga de auga, formando extensas masas flotantes no verán. A lámina de auga cobre unha superficie aproximada de 10 hectáreas, con escasas variacións estacionais, e acada un máximo de 4,5 m de profundidade, sendo a media de tan só 1,5 m.
O entorno da lagoa é unha mostra representativa da paisaxe galega atlántica, onde conviven nun relevo suave unha paisaxe en mosaico, os bolos graníticos ocultos na masa forestal, a actividade agrogandeira tradicional e unha natureza silvestre que se amosa a simple vista na lagoa. Aparte de ser unha doa máis no rosario de humidais galegos que facilitan as viaxes das aves migratorias e permiten a súa invernada no noso país, constitúe o arranque do corredor ecolóxico que forma o río Tambre e serve de conexión coa bacía do río Mandeo, que nace a pouca distancia.
Dende 2010 ocúpase dela a Fundación Fragas do Mandeo, como parte da súa dotación fundacional.